A Policía Nacional desaloxa a Intermodal de Santiago por unha ameaza de bomba
A tranquilidade que se vivía este mércores á mañá na estación Intermodal de Santiago nada ten que ver coa tensión vivida a noite pasada. Pouco antes das doce da madrugada, os traballadores do servizo do transporte urbano de Santiago avisaban a Policía Nacional da presenza de tres mochilas sospeitosas na consigna.
Xosé Ramón Mosquera, xerente da Sociedade Municipal de Transporte Urbano de Santiago, dixo que atoparon varias mochilas na consigna coas portas abertas e que por precaución chamaron a policía, que procedeu a comprobar as cámaras de vixiancia e a inspeccionar a zona.
A esas horas xa non había usuarios na estación, pero, así e todo, os axentes decidiron desaloxar os poucos traballadores que quedaban. Entre eles estaban dous empregados da Central de Radio Taxi Compostela, que levaron un bo susto cando se comezou a falar dunha posible ameaza de bomba.
Xesús García, presidente de Radio Taxi Compostela, dixo que o primeiro que se lle pasou pola cabeza foi o atentado do Clangor, no que estivo presente. Tamén apuntou que a inspección demorouse porque tivo que vir unha unidade especializada neste tipo de intervencións.
Afortunadamente, todo quedou nunha falsa alarma. Despois de que os axentes que se desprazaron á zona realizaran as inspeccións pertinentes, e tras comprobar que non había explosivos, os traballadores de Radio Taxi puideron regresar ao seu traballo contra as dúas menos vinte da madrugada.