CRTVG

Buscar

A policía desartella un punto de venda de droga próximo a un instituto de Pontevedra

Publicado o 28/05/2019 17:30

Desarticulado un punto negro de venda de drogas preto do quinto instituto de Pontevedra.

A policía detivo nas proximidades do coñecido como quinto instituto de Pontevedra un veciño de Marín de 34 anos de idade que lles orixinou sospeitas cando conducía un coche pola zona.

Andaban de patrulla dentro do protocolo encamiñado a previr o consumo de drogas e venda de estupefacientes nos arredores dos colexios cando viron o sospeitoso. Déronlle o alto e ante o forte cheiro a marihuana que había no coche, cachearon os ocupantes e revisaron o vehículo.
Comisáronlle algo máis de dezaseis gramos de haxix e outras substancias estupefacientes. Tamén levaba 30 pastillas, a maioría de éxtase. O material interceptado complétao un spray de defensa, un maletín cunha arma de aire comprimido e 70 euros en billetes.

O detido no contaba con licenza para andar coa arma e o coche que conducía non tiña a ITV en vigor. O mozo, que tiña antecedentes policiais, acabou na comisaría, onde o interrogaron por un delito contra a saúde pública. Previamente, os policías chamaron á Local para que estendese a denuncia por non ter a inspección técnica do coche ao día.

Esta acción policial tivo lugar a finais da semana pasada e, segundo a comisaría de Pontevedra, supuxo a desarticulación dun activo punto negro de venda de estupefacientes.

Noticias web

28/05/2019