CRTVG

Buscar

A Policía Nacional busca unha muller de 30 anos de Lugo que leva unha semana desaparecida

Publicado o 13/09/2019 15:03

Lucía Montero García, veciña de Lugo e de 30 anos de idade, leva desaparecida dende hai unha semana. A rapaza, que padece unha discapacidade intelectual, saíu andando do centro de atención especializada de Monforte, onde reside durante a semana, e dirixiuse cara á estación de autobuses, como facía todos os venres, para regresar a Lugo para pasar a fin de semana. Aí perdeuse a súa pista. Lucía non chegou a coller o autobús e non volveu ter contacto de ningún tipo nin cos seus familiares nin cos responsables do centro onde lle prestan atención. O director pide a colaboración cidadá para poder atopala.

"É moi faladora e esperta. Unha rapaza moi aberta. Leva con nós arredor de quince anos e nunca tivo ningún problema ata agora. Esperamos que poidan localizala canto antes".

A Policía Nacional montou un dispositivo de busca de alta intensidade por tratarse dunha persoa vulnerable. Os axentes estana a buscar en diferentes localizacións, especialmente nas cidades de Lugo e Monforte e no traxecto entre ambas. Lucía ten o teléfono móbil apagado e eliminou o seu perfil dos diferentes grupos de mensaxería móbil e de redes sociais. Agora estase a investigar se a muller marchou por vontade propia e se o fixo soa ou en compañía, ou mesmo obrigada por outra ou outras persoas.

"Nós xa demos aviso aos corpos e forzas de seguridade e estamos a colaborar con eles. Parece que pode haber algunha pista, pero de momento non sabemos moito máis sobre o seu paradoiro".

A desaparecida forma parte do equipo de fútbol para discapacitados intelectuais do Club Deportivo Lugo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019