A Policía Municipal de Madrid desaloxou 418 festas ilegais a fin de semana
A mazadas tivo que abrir a policía de Madrid a porta dun local comercial alugado coma piso turístico. Tiñan colchóns tapando portas e ventás para amortecer o ruído, e no soto 66 persoas de festa, once delas, menores de idade. Todos foron denunciados por incumprir a normativa sanitaria, e catro ademais por tenencia de drogas.
Foi só unha das máis de 400 festas ilegais que desaloxou a policía municipal esta fin de semana en Madrid. Agochadas e coa luz apagada para ver se libraban atoparon outras 16 persoas nun restaurante do barrio de Chamberí.
E máis de 50 mozos e mozas atopou a policía nacional nun piso turístico en pleno centro na madrugada do sábado. Primeiro os organizadores impedían a saída dos asistentes, e logo tentaron fuxir en estampida para arroiar os axentes. Ademais das sancións por saltar as normas anticovid, arrestaron oito persoas por detención ilegal e atentado á autoridade.
Tamén desaloxaron un local que excedía a ocupación permitida, cun saldo de 45 actas por incumprimento da normativa hixiénico-sanitaria.