A Policía Local sancionará os vehículos mal aparcados nos areais de Cangas
O acceso ás praias de Cangas non está restrinxido, pero a Policía Local vai reforzar a súa presenza nos areais de xeito especial na fin de semana, onde é habitual atopar vehículos mal estacionados impedindo o paso dos peóns ou o acceso ás vivendas. Os cidadáns comprenden esta medida sancionadora, pero tamén reclaman alternativas para poder aparcar.
Moitos dos usuarios habituais dos areais prefiren non visitalos na fin de semana. Aparcar é complicado, xa que o espazo é limitado e infrinxir a normativa pode saír caro. En xeral os cidadáns comprenden as sancións, conscientes dos graves prexuízos que poden ter as infraccións. Aínda así pensan que é necesario buscar alternativas que faciliten ou eviten o estacionamento preto dos areais. A fin de semana pasada a Policía Local impuxo máis dun cento de sancións nas praias de Cangas.