A Policía Local reforza a vixilancia na ponte festiva para evitar aglomeracións
As policías locais galegas prepáranse para unha ponte festiva sen estado de alarma nin toque de recollida. Para evitar que se produzan aglomeracións, reforzarán a vixilancia, sobre todo en Santiago, que ademais está de festas.
Santiago está de festas e toda Galicia de ponte. Comeza a notarse nas rúas, onde vemos máis ambiente e tamén máis policía. Nos coches e a pé, de día e de noite, están despregados na cidade para evitar que aglomeracións ou botellóns auguen a festa.
Carlos Rendo, policía local de Santiago: "Haberá máis coches de policía na rúa, e reforzarase sobre todo o servizo de paisano. Eles encargaranse de vixiar as zonas onde se adoita facer o botellón".
Polo día reforzan a súa presenza na zona vella e as zonas de terraceo. Máscaras, ocupacións, distancias de seguridade son os puntos que se van revisar. Pola noite, xa sen toque de recollida, o traballo cambia.
Carlos Rendo, policía local de Santiago: "De doce da noite a catro da mañá, o traballo de reforzo está máis centrado en evitar festas ilegais nos pisos e botellóns".
Malia as precaucións, prevén unhas festas tranquilas. A pasada fin de semana, a primeira sen estado de alarma, transcorreu con total normalidade en Santiago e agardan que así continúe nesta ponte festiva, en que, ademais, anuncian chuvia.