A Policía Local de Vigo detivo tres homes por delitos de violencia machista
Publicado o 14/09/2021 12:33

Tres homes foron detidos nas últimas horas pola Policía Local de Vigo por delitos de violencia machista.
O primeiro dos arrestos tivo lugar nun piso da rúa San Lorenzo, onde un home de 29 anos ameazou e agarrou polo pescozo a súa parella para que lle dese cartos. Despois tirou o seu móbil pola fiestra. Uns mozos que viron caer o teléfono e escoitaron os berros da muller alertaron a policía.
Outro caso produciuse nunha terraza da Miñoca. Alí, un home agrediu a parella, da que tiña unha orde de afastamento de 100 metros.
E no Camiño Soutelán, un vigués de 43 anos golpeou a exmuller e tirouna contra unhas caixas, provocándolle diversas contusións. O home contaba xa con antecedentes por violencia machista.