CRTVG

Buscar

A Policía Local de Rianxo difunde un vídeo sobre consumo de drogas e condución

Publicado o 20/12/2019 13:49

A operación de Tráfico do Nadal empeza e con ela empezou a circular por Internet un novo vídeo da Policía Local de Rianxo para lembrar os riscos de conducir baixo os efectos do alcol ou outras drogas.

A historia videográfica en que colabora a DXT empeza coa persecución policial a unha condutora que non vai precisamente sobria: "Miña nai rapaces, da que acabo de zafar, eh! Vou durmir a mona e mañá xa vos contarei. Buff!".

Para a súa sorpresa, pouco despois é detida nun control con participación da Policía Local e da Garda Civil co Pegasus. A produción en que participa xente da Barbanza, uns máis e outros menos coñecidos, amosa un dos posibles finais de festa se conduce quen non debe.

Raúl Frieiro, xefe da Policía Local de Rianxo di que a opción é: "Ou uso de transporte público, taxi ou buses ou acabar accidentado nunha estrada e saír en ambulancia ou en coche fúnebre".

O vídeo está a ter unha gran difusión, polo que conta o xefe da Policía: "Non leva nin 24 horas e xa temos máis de 64.000 visualizacións e foi compartido case 1.000 veces. O vídeo está a chegar onde queremos, que o vexa a maior cantidade posible de xente, para que se conciencie de que alcol, drogas e coche non son compatibles".

Durante todo o Nadal, a Garda Civil e a Policía Local levarán a cabo controis en todo tipo de estradas e a calquera hora.

Noticias web

20/12/2019