CRTVG

Buscar

A Policía Local de Ourense libera o día de fin de ano unha muller retida na casa da súa exparella

Publicado o 06/01/2021 18:38
A Policía Local de Ourense libera o día de fin de ano unha muller retida na casa da súa exparella

A Policía Local de Ourense liberou o día de fin de ano unha muller que se atopaba retida na casa da súa exparella, onde requisou unha machada de grandes dimensións. O presunto autor dos feitos foi detido. 

O Concello ourensán informou este mércores de que a actuación se levou a cabo despois de que a Policía Local recibira unha chamada anónima dunha muller que pedía axuda, pero que só conseguía sinalar o nome da rúa en que se atopaba. Despois do aviso, os axentes conseguiron localizar a muller, que se atopaba retida contra a súa vontade no domicilio da sua exparella desde había varios días, sufrindo ameazas e agresións. 

Ademais, os axentes requisaron no lugar dos feitos unha machada de grandes dimensións. A operación rematou coa detención do home e a muller auxiliada e posta a disposición dos medios municipais destinados ás vítimas de violencia de xénero.