CRTVG

Buscar

A Policía Local de Lugo rescatou dez cans en estado de abandono

Publicado o 11/07/2018 14:26

Dez cans, en situación de abandono, foron rescatados nas últimas horas pola policía local de Lugo. Nove estaban nunha leira ás aforas da cidade e a súa dona é investigada por un delito de maltrato animal, o décimo can apareceu nun colector do lixo. Os animais foron recollidos pola protectora de animais. 

Levaban varios días sen comer, sen auga, atados sen poder moverse e ningún deles conta co microchip identificativo. Totalmente desnutridos, un estado que era máis visible no aspecto desta cadela boxer extremadamente delgada e con oito cachorros, dous dos cales estaban mortos e outros dous máis tampouco lograron sobrevivir. Nesta situación os atoparon os axentes da unidade da policía de barrio da policía local nunha leira ás aforas de Lugo.

Os cans están agora baixo a tutela da protectora de animais, onde reciben todas as atencións necesarias.

Aquí tamén encontrou acubillo este cachorro duns dous meses que aparecía abandonado nun colector de lixo. Foi un empregado do servizo de limpeza o que o atopaba en estado de deshidratación. O animal foi primeiro trasladado a un hospital veterinario, onde se lle fixeron diferentes probas médicas.

O caso xa foi dirixido ao xulgado de garda por un presunto delito de maltrato animal. Tamén se formularon denuncias por infracción grave á lei de protección e benestar dos animais de compañía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2018