CRTVG

Buscar

A Policía Local de Lugo denuncia que os seus novos equipos de comunicación son inintelixibles

Publicado o 12/01/2018 14:10

A Policía Local de Lugo denuncia que os seus equipos dixitais de comunicación novos son inintelixibles. Os axentes non poden comunicarse a través dos walkie-talkie porque din que distorsionan as súas voces e emiten nun volume tan alto que lles dana os oídos. Vaia, que non se entenden, e que aínda por riba molestan. Os axentes levan só un mes con estes equipos de última xeración, en que se investiron preto de 200.000 euros.

Hai un mes a Policía Local de Lugo recibía os novos equipos de comunicación, aparellos de última xeración dixital cos que ían mellorar a calidade das súas comunicacións xa que os antigos tiñan problemas de cobertura. O seu uso tamén permitiría axilizar os tempos de resposta en caso de urxencia. Pero a realidade coa que se encontraron os axentes foi ben distinta. Denuncian que os novos interlocutores son inintelixibles.

Tamén teñen problemas de cobertura, emiten con atraso e cun volume que mesmo dana os oídos, polo que as comunicacións entre os axentes e coa central nin é nítida nin se pode realizar en tempo real. A consecuencia, recorren aos seus teléfonos móbiles para evitar que a súa resposta sexa deficiente e tardía.

A Policia Local acusa ao concello de mala xestión, os novos aparellos custaron preto de 200.000 euros. O concello defende que o sistema ainda está en proceso de implantación e que onte mesmo se instalou unha das torretas que axudara a mellorar a comunicación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/01/2018