CRTVG

Buscar

A Policía Local de Lugo clausura varios bares por exceso de ruído

Publicado o 03/07/2020 13:43

A Policía Local clausurou varios locais de hostalería de Lugo que acumulaban numerosas queixas dos veciños por exceso de ruído e por incumprimento do horario permitido. Ademais, tiñan outras deficiencias en materia de seguridade, o que en conxunto lles valeu máis dunha vintena de actas de infracción. 

A un dos bares claururados no barrio lugués de Feixó, ademais de suspenderlle a actividade do negocio, puxéronlle unha multa de 900 euros, posto que nin sequera dispoñía da licenza correspondente.

Segundo denuncian os veciños, o establecemento non respectaba o horario de apertura e de madrugada o ruído era tan alto que lles impedía conciliar o sono. 

"Ás catro ou ás cinco da mañá, e algún día ás nove da mañá. Eu, que vivo no primeiro, durmo fatal. E a todas as horas. E despois non imaxinades o que hai aquí", dinos unha veciña. 

"Non se podía durmir. Eu teño mala saíude e non podía durmir nada, polo que tiven que tomar pastillas para poder durmir. E sempre con ruído, de día e de noite. Ademais, aí véndese de todo", sinala outra.

Os axentes tamén clausuraron outro bar no Camiño Real. O local acumulaba numerosas propostas de sanción por abrir fóra do seu horario e por exceso de ruído, e ademais tiña unha serie de deficiencias en materia de seguridade, como carecer das luces de emerxencia ou da sinalización obrigatoria.

Unha vez arranxadas, os establecementos terán que solicitar unha nova autorización ao Concello de Lugo para poder reabrir as súas portas ao público.

Noticias web

03/07/2020