CRTVG

Buscar

A Policía Local de Lugo auxilia un home confinado que levaba varios días sen comer

Publicado o 27/07/2021 14:48

A Policía Local de Lugo tivo que acudir a unha chamada de auxilio na Calzada das Gándaras. Chamounos un home que estaba confinado tras dar positivo en covid-19 e que, segundo lles dixo, levaba varios días sen comer porque non tiña cartos para comprar alimentos nin ninguén que o puidese coidar. Os axentes pediron axuda ao Banco de Alimentos de Lugo, que rapidamente lle prepararon un lote de provisión que a propia Policía Local lle achegou ata o seu domicilio.

Amadora Núñez, presidenta do Banco de Alimentos de Lugo, dixo que "o home levaba dende o venres sen comer e que cando chamou a policía dixéronlles que pasasen a buscar a comida que para estes casos están dispoñibles as vinte e catro horas do día".

Dende o Banco de Alimentos din que este é un exemplo máis de como a pandemia agravou os casos de pobreza e de exclusión social, que, por desgraza, son cada vez máis.

Amadora asegura que lles chegan "persoas con nenos, con problemas mentais que non se poden valer por si mesmos ou que están confinados". Di que durante a pandemia chegaron a "dar alimentos a máis de dúas mil familias ao día".

A Policía Local de Lugo xa informou aos servizos sociais do Concello da situación en que se atopaba esta persoa para que se fagan cargo dela.

 

Noticias web

27/07/2021