A Policía Local de Ferrol interpón máis de 50 denuncias na última semana por incumprir a normativa covid
Nestas últimas semanas incrementáronse en Ferrol as denuncias presentadas a mozos menores de 30 anos pola Policía Local por non cumprir as medidas covid. Entre eles nove mozos denunciados por unha festa privada nun piso.
Unha das seis intervencións á que tivo que acudir a Policía Local de Ferrol foi na madrugada do xoves. Alertados polo alto volume da música que mesmo se escoitaba dende a vía pública. Dentro da vivenda nove mozos e mozas de entre 17 e 18 anos.
José Antonio Chao, xefe da Policía Local de Ferrol asegura que "non son partidarios de colaborar, non queren abrir e non se queren identificar, A intervención remata con nove identificados, nove denuncias por reunión de non conviventes e sete por negarse a identificarse e por non colaborar".
En parte do acontecido tamén interviu, por teléfono, a propietaria da vivenda e nai dunha das mozas. Xunto cos 4 axentes que acudiron a disolver a festa, convenceron os participantes da mesma para que se identificasen.
Pero este non foi o único caso atendido pola Policía Local nestes últimos días. José Antonio afirma que "o venres nunhas rúas onde se concentra principalmente a actividade hostaleira, tivemos que proceder ao desaloxo porque había unha importante cantidade de xente que non podían garantir a saúde e benestar de todos aqueles que alí estaban".
En total na última semana interpuxeron 18 denuncias por non usar máscara, 5 por non respectar a distancia mentres fumaban e outras 12 por consumir alcol na vía pública. De aí que se incrementara a vixilancia en puntos de Ferrol onde se concentran as zonas de hostalaría para evitar aglomeracións de xente.