CRTVG

Buscar

A Policía Local de Carnota puxo 32 multas esta fin de semana por saltar o peche perimetral

Publicado o 01/03/2021 15:26

Son tan só catro policías en todo o concello e un está de baixa, polo que esta fin de semana tiveron traballo a fartar. Tramitaron 32 propostas de sanción tan só o sábado porque onte xa non puideron facer controis, estaban desbordados.

"Somos poucos policías e estivemos cubrindo actas, botamos unha visual pola praia, a primeira hora, e xa non fixemos control porque non damos feito. Non contabamos con tanto desbordamento de xente. Estivo un bo día, as terrazas dos bares a tope todas e as praias a tope, a tope", comenta Suso López, xefe da Policía Local de Carnota.

"É normal  que a xente teña ganas de saír despois de tanto tempo e despois a fin de semana o tempo prestou, foi unha pasada, e esta praia á xente encántalle porque a verdade é moi bonita a xente sae que ten que saír", apunta Pedro Otero, que é hostaleiro.

"Si que se esperaba xente pero non tanta cantidade. Houbo moito, pero levouse ben o traballo e estivo ben", di Antía Beiro, que tamén traballa nun bar.

Ás persoas multadas, que eran case todas da área sanitaria da Coruña e algunha de Madrid, a fin de semana vailles saír cara.

"Estanlles metendo 600 euros, 300 se o pagan rápido, por desobediencia", informa Suso López , xefe da Policía Local de Carnota.

O aspecto que presenta hoxe a praia de Carnota en nada se parece ao que ofrecía onte. Pasamos do verán ao inverno en 24 horas.

 

 

 

 

Noticias web

01/03/2021