CRTVG

Buscar

O Goberno insta a delimitar a capacidade das praias e controlar aglomeracións

Publicado o 22/05/2020 14:25

Un dos asuntos que trae estes días de cabeza os concellos costeiros pola complexidade de organizar uns espazos abertos onde se debe manter a distancia de seguridade para evitar contaxios. Hai un protocolo xeral do Instituto de Calidade Turística que regula a acollida, a sinalización de entradas e saídas e mesmo o control da zona da hamacas e parasoles.

O Instituto para a Calidade Turística Española insta as administracións competentes a que vixíen a capacidade de carga das praias e implementen controis de accesos, organicen as entradas e saídas para evitar aglomeracións, e determinen como se vai a informar o usuario de que se alcanzou a capacidade máxima.

Este labor "poderase facer con cartelería tradicional, recursos humanos ou aplicacións tecnolóxicas que permitan á xente ter a información antes de desprazarse ata a propia praia", expón o borrador, que deberá recibir o visto e prace do Ministerio de Sanidade.

Neste sentido, prevé que nos accesos, ou mesmo antes da chegada, se informe sempre aos usuarios das medidas de prevención a aplicar na praia, a capacidade estimada da mesma e das restricións ou limitacións nos servizos en caso de habelas.

A zona de hamacas deberá delimitarse con balizas, cintas ou outras indicacións, establecéndose un control na súa asignación, a fin de que se poida asegurar que o equipamento foi debidamente limpado e desinfectado antes do seu uso.

Tamén se deberá dispoñer dun plan de avaliación de riscos para previr contaxios pola COVID-19, que deberá contemplar como se asegura que os usuarios en primeira liña de praia garden a distancia de seguridade respecto aos usuarios que estean na beira paseando ou entrando a gozar dun baño.

Con relación á accesibilidade, as praias terán que informar se se presta o servizo de baño asistido e, neste caso, "realizarase sempre que se conte cos equipos de protección individual ( EPI) necesarios ou cos medios mecánicos que permitan a protección do persoal que o presta".

Este plan de continxencia, que será implementado en accesos, areais, aseos, vestiarios e despachos de billetes, puntos de auga potable, papeleiras, postos de socorrismo e demais zonas comúns, será deseñado polo comité para a xestión do risco que deberán constituír as autoridades competentes na xestión da praia, sexan concellos, costas ou comunidades autónomas. 

O papel dos concellos

Os encargados de aplicar estas normas son os concellos e as circunstancias de cada un fan que a solución adoptada sexa do máis variado. Desde o control por parte da Policía Local en cidades coma A Coruña ata o control do tráfico e aparcadoiro en lugares como Cangas. En Vigo, será mañá cando presente o dispositivo para regular os accesos a Samil.

Riazor, Orzán e a totalidade de praias urbanas coruñesas preparan a volta dos bañistas para a vindeira semana, en que as previsións din que, ademais, acompañará o bo tempo. Porén, nada será igual ao pasado. Estableceranse zonas de entrada a saída. E nunha primeira fase, ata o 15 de xuño polo menos, a policía local encargarase de controlar a acollida para evitar aglomeracións. Poderanse usar os baños, que se desinfectarán a miúdo, pero non as duchas. E o Concello manterá activa unha páxina web na que informará da capacidade existente en cada momento nas praias. 

Máis dificultades para o control dos usuarios teñen nos concellos pequenos da área coruñesa con moitas praias e pouco persoal municipal dispoñible, de xeito que o control se torna moito máis complicado. A maioría situarán carteis informativos nos accesos, e apelan á cidadanía a un uso responsable acorde ao momento que vivimos, no que prime especialmente a seguridade.

Entenden os veciños que é tempo de poñer a responsabilidade das persoas por riba da solucións policiais.

Noticias web

22/05/2020