A Policía Local aumenta a vixilancia no barrrio vigués de Teis
A Policía Local de Vigo facíase ver esta mañá polos arredores da zona escolar do barrio vigués de Teis. Aumentou a vixilancia tras o violento atraco que sufriu un alumno do instituto da Guía cando se dirixía ao centro a plena luz do día. Un home esixiulle cartos e acoitelouno nunha perna.
Un estudante: "A min o neno ese dáme pena, con 15 anos que lle veña un home de 40 ou 50. Ten que ser duro para o neno".
Na zona hai outros centros de infantil, primaria e formación profesional. Desde algunhas ANPA amosaron a súa inquedanza pola seguridade. Pero aquí non todos comparten esa impresión, como un matrimonio que leva corenta anos no barrio: "Chámanlle o barrio conflitivo, pero non o é. É un barrio tranquilo, de xente humilde. Non hai nada anormal." "Desde que nós estamos aquí ten moi mala fama, pero levamos aos nosos nenos ao colexio. Nunca tivemos problemas, pero, claro, cada vida é un mundo."
É un lugar de paseo moi frecuentado, se cadra hoxe, cun pouco máis de alerta, pero sen maior preocupación. Dúas señoras que camiñan: "Moita non, a verdade, puidemos cambiar a ruta e non a cambiamos". "Vimos camiñar pola mañá, unha hora, e subimos ata a ermida da Guía e volvemos baixar e nunca tivemos problemas nin vimos ningunha pinta rara nin nada".