A Policía establece controis para atopar os tres fuxidos da banda que asaltou unha vivenda en Vigo
Vai unha semana desde que a Policía Nacional detivo un dos participantes no asalto a unha vivenda na parroquia viguesa de Santo André de Comesaña, pero outros tres membros da banda conseguiron fuxir.
Á primeira hora da mañá, o tráfico é especialmente denso neste punto da parroquia de Cedeira, en Redondela, aínda que pola proximidade con Vigo a circulación de vehículos non cesa durante todo o día. En poucos minutos, unha unidade de intervención da Policía Nacional recén chegada ao lugar establece un punto de control aleatorio.
O seu labor é a prevención de calquera forma de delicuencia e, nesta época, velar tamén polo cumprimento da lexislación derivada da pandemia.
Estes días teñen un encargo engadido, a procura do grupo que, presuntamente, asaltou unha vivenda nunha urbanización ubicada en San Andrés de Comesaña, Vigo.
Os veciños decatáronse da súa presenza e chamaron á policía. Diante dos axentes, tres dos intrusos conseguiron fuxir a pesar do alto e dos disparos ao aire.
Na persecución polos tellados, digna dunha película de acción, un dos asaltantes caeu ao chan e puido ser capturado.
O home, de 32 anos e de nacionalidade albanesa, xa ingresou en prisión provisional.
Os investigadores pensan que podería tratarse dunha banda itinerante, polo que a revisión dos nós de comunicación máis importantes, como a Avenida do Aeroporto, en Vigo, é crucial no desenvolvemento da chamada Operación Volvo, en relación ao vehículo en que se movían e que foi atopado pola Policía Nacional.