CRTVG

Buscar

A policía dispersou unha multitude que celebraba en Bruxelas a fin do estado de alarma

Publicado o 10/05/2021 15:03

En Bélxica tamén houbo concentracións en que mesmo tivo que intervir a policía. Esta fin de semana tamén remataba aquí o estado de alarma e levantábase o toque de recollida. Centos de persoas saíron ás rúas en Bruxelas para celebrar a fin destas medidas e a agardada reapertura das terrazas, tras seis meses pechadas.

En Bélxica seguen prohibidas, iso si, as reunións na rúa a partir da medianoite, polo que a esa hora a policía acudiu a desaloxar as concentracións de persoas, a maioría sen máscara. Os antidusturbios mesmo tiveron que usar camións de auga e gases lacrimóxenos para dispersar os participantes nunha macrofesta ilegal. Algúns virólogos xa lle piden ao Goberno belga que volva impoñer o toque de recollida.