Dispersan 200 mozos na madrugada do martes a carón dunha discoteca en Santiago
Os botellóns e concentracións non son algo exclusivo da noite dos xoves ou da fin da semana. De luns a sábado os veciños das zonas máis próximas ás discotecas de referencia en Compostela sofren as consecuencias.
As intervencións da Policía Local son habituais incluso os luns e martes. "O luns xa houbo arredor dunha discoteca unhas 50 persoas que se xuntaron alí. Esta noite tamén houbo que desaloxar unhas 200 persoas máis. Nada máis que a presenza policial os mozos foron marchando se ningún tipo de incidencia" di Carlos Rendo, Policía Local de Santiago.
A situación complícase máis nas noites dos mércores e do xoves. Para esta semana está previsto un reforzo no número de axentes que tratará de previr esas concentracións.
"Reforzar o servizo para evidentemente en previsión de poder evitar o que paso o xoves pasado, intervir antes de que a xente se xunte", di Carlos Rendo, Policía Local de Santiago.
Tanto a veciñanza das rúas máis afectadas como as forzas da orde agardan que a medida que os locais de ocio nocturnos recuperen a ocupación e horarios e que avance o curso académico as concentracións multitudinarias na rúa vaian decaendo.