CRTVG

Buscar

A policía dispersa unhas cincuenta persoas que intentaban asaltar o hotel de Ceuta onde estaba Abascal

Publicado o 24/05/2021 22:07
A policía dispersa unhas cincuenta persoas que intentaban asaltar o hotel de Ceuta onde estaba Abascal

EFE

EFE

Polo menos un detido e numerosos danos materiais, entre eles no hotel onde está aloxado Santiago Abascal, foi o resultado das cargas que a Policía Nacional tivo que efectuar esta noite en Ceuta contra os centos de persoas concentradas ante o hotel onde estaba o líder de Vox.

Os incidentes iniciáronse sobre as 21:30 horas, cando un grupo dunhas 50 persoas tentou acceder á forza ao hotel de Ceuta onde se atopa aloxado o presidente de Vox Santiago Abascal. Iso foi impedido pola Policía Nacional. Os concentrados dirixíronse cara ao aparcamento do Hotel Parador La Muralla e tentaron acceder ao seu interior, polo que tiveron que ser desaloxados á forza polos axentes da Policía Nacional.

Algúns dos que tentaron entrar ao hotel lanzaron ovos contra a fachada, varios paus e unha cadeira de praia que non chegou a impactar en ningunha persoa. A Policía tivo que lanzar salvas ao aire e cargar contra os concentrados, despois de que estes danasen a porta de entrada ao Parador, onde Abascal dera unha conferencia de prensa despois de suspender o acto público que tiña previsto na cidade tras a prohibición ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía.

Os enfrontamentos continuaron posteriormente na Praza de África, situada fronte ao hotel, despois de que a policía optase por efectuar varias cargas para disolver os concentrados. Estas persoas lanzaron pedras contra os axentes e provocaron danos no mobiliario urbano da cidade. 

Noticias web

24/05/2021