A policía detén un home como presunto coautor da morte de Samuel Luiz
A Policía Nacional detivo este martes un home como presunto coautor da morte de Samuel Luiz. Con esta, xa son sete as persoas arrestadas. Hai tres homes en prisión, unha muller en liberdade provisional e dous menores, cuxo caso se derivou ao xulgado de menores.
Tras máis de dous meses sen arrestos relacionados coa malleira mortal que rematou coa vida do mozo o 3 de xullo, os axentes detiveron unha sétima persoa, a que lle imputan un suposto delito de asasinato e que é amigo dos seis detidos con anterioridade, segundo confirmou o delegado do Goberno, José Miñones, e tampouco coñecía á vítima.
Esta mañá o detido pasou a disposición do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, que é quen investiga os feitos.
Ademais a Brigada Provincial da Policía Xudicial da Coruña entregou a documentación derivada do baleirado dos móbiles dos detidos.
Despois disto, o delegado do Goberno cre que a investigación pode pecharse este mércores. "Veremos se ao longo das próximas horas hai algún acontecemento máis", apuntou José Miñones en declaracións aos xornalistas en Carballo, e engadiu que, non obstante, "a previsión é poder pechar a investigación policial ao longo da mañá de hoxe".
CRIME DE SAMUEL LUIZ I
— G24 (@G24Noticias) September 29, 2021
O delegado do Goberno, José Miñones, agarda que hoxe se poida pechar a investigación policial. O último detido xa está a disposición xudicial e os policías entregaron a documentación derivada da análise dos móbiles dos detidos.https://t.co/6Dw80FKAGB pic.twitter.com/HQw6s352ow
Kaio Amaral, Diego Montaña e Alejandro Freire, alcumado, Yumba, están no cárcere acusados dun delito de homicidio ou asasinato despois de declarar no xulgado. Mentres que Catherine Silva foi posta en liberdade coa obrigación de comparecer ante o xuíz. Ademais, hai outros dous implicados internados nun centro de menores.
A Kaio Amaral tamén se lle acusa do delito de apropiación indebida por levar o móbil do falecido. Ante o xuíz negou toda participación na malleira, descargou toda responsabilidade en Diego Montaña e Alejandro Freire e unicamente asumiu o furto do móbil. Todos solicitaron a súa posta en liberdade, pero os maxistrados da Audiencia decretaron o seu mantemento en prisión ao apreciar risco de destrución de probas e de fuga, xa que poderían enfrontarse a 25 anos de cadea.
De entre todas as persoas que presenciaron a malleira mortal a Samuel e testificaron ante o xuíz, trece identificaron a Diego Montaña como partícipe, mentres que a Alejandro Freire sinalárono seis. Ademais, os investigadores atoparon restos de ADN dos dous en cristais rotos recollidos no paseo marítimo e na cabeza da vítima.
Por outra banda o xulgado númro 8 da Coruña que leva o caso ampliou a documentación para pedir as mensaxes que se enviaron entre os detidos antes e despois da malleira mortal. É a resposta a unha petición da Fiscalía dos Estados Unidos, xa que é a compañía americana Facebook a que custodia as copias das conversas.
O fiscal pediu mais datos para poder defender o caso nun xulgado e lograr que un xuíz autorice a entrega do contido desas mensaxes de Whatshapp e Instagram, que, supostamente, borraron os detidos. Os investigadores consideran que nesas mensaxes pode haber información relevante e tamén queren saber en que termos se referían á vítima.