CRTVG

Buscar

A policía cre que nai e avoa colaboraron para matar a nena de Logroño

Publicado o 29/01/2020 19:35

Simplemente, morreu. A nai da nena de cinco anos falecida nun hotel de Logroño non dá outra explicación. Di que ela non matou a filla e fala como se a morte da cativa fose por causas naturais. Os psiquiatras do hospital onde está ingresada contan que está a maior parte do tempo nun estado ausente. Polo de agora a muller aínda non pasou a disposición xudicial.

Jose Ignacio Pérez Sáenz, delegado do Goberno na Rioxa: "É consciente de que morreu a nena, o que non achega é ningunha declaración en que se considere autora".

Nunha carta, en que anunciaba o seu suicidio, a muller afirmaba que quería evitarlle á nena os sufrimentos derivados da súa mala relación co seu ex-marido e pai da pequena, que era quen tiña a custodia.

Así, a principal hipótese é que a nena morreu a mans da súa nai. A autopsia non dá datos concluíntes de se faleceu por asfixia. Haberá que agardar ao que digan as mostras enviadas a Toxicoloxía, para determinar se lle deron medicamentos en dose letal.

En canto ao papel da avoa no suceso, a policía ten claro que colaborou no crime. O domingo estaba no cuarto do Hotel Los Bracos de Logroño, onde todo ocorreu. E o seu cadáver apareceu no río Ebro.

Jose Ignacio Pérez Sáenz, delegado do Goberno na Rioxa: "Haberá que determinar o papel da avoa, en calquera caso foi colaboradora seguro".

As dúas mulleres deixaran na casa familiar cartas de despedida anunciando a súa intención de suicidarse.

Noticias web

29/01/2020