A Policía Científica remata o traballo de campo na investigación do incendio do Ceao
Tras o intenso labor dos últimos días, a Policía Científica de Lugo deu por finalizado o traballo de campo na investigación das causas do incendio do Ceao. Os investigadores policiais, que foron apoiados por equipos especializados chegados dende Madrid e con cans adestrados na detección de acelerantes, consideran que xa recabaron mostras dabondo.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Remataron, en principio, as investigacións de campo coa recollida de todos os vestixios que consideraron importantes e imprescindibles para levar a cabo as pescudas. Agora hai que traballar sobre eles, o que non quere dicir que rematara a investigación, senón que finalizou o traballo no propio polígono".
Durante a recollida de restos, os investigadores realizaron un percorrido inverso ao do lume, ata chegar ao foco inicial das lapas. Agora, analizaranse as mostras recollidas e mais as imaxes captadas, e ademais falarase cos peritos e mais cos bombeiros que interviñeron na extinción do incendio.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Vanse analizar todas as mostras recollidas, falarase cos bombeiros que interviñeron nun primeiro momento e coas aseguradoras, visionaranse as imaxes, etc. É dicir, porase todo en conxunto para derivalo ao grupo de investigación co fin de que saque as conclusións pertinentes".
Pola súa parte, no almacén de Castro Parga, onde se iniciou o incendio, xa teñen lista a maquinaria pesada que derrubará a nave en canto teñan o permiso concedido.