A Policía Científica inspecciona os rescaldos da cafetería das Pozas de Maimón
Dentro duns días está previsto que se saiba se o incendio da cafetería das Pozas Maimón, en Ourense, foi intencionado. Este mediodía, a policía científica achegouse ás instalacións para inspeccionar con medios especializados zonas que dende o domingo continuaban con rescaldos.
Contra a unha do mediodía, a Policía Científica da comisaría de Ourense comezaba a inspeccionar con medios técnicos especializados a cafetería Pozas de Maimón, arrasada polas lapas a madrugada do pasado domingo. Segundo a Policía Nacional, esta é a inspección definitiva para determinar se o incendio foi ou non intencionado. O resultado do informe, din, saberase en dous ou tres días.
Estas instalacións, na beira do río Miño, moi preto das termas de Outariz, foron construídas polo concello de Ourense no 2010 pero levaban pechadas e en estado de abandono dende había catro anos. Dende o concello de Ourense aseguran que van recuperar a zona e volverán sacar a consurso esta cafetería restaurante.
Se se confirma que o incendio foi intencionado, a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, a UDEV, comezaría as pescudas para dar co autor do lume.
Os axentes da policía nacional de Ourense seguen tamén á procura da persoa ou persoas que provocaron o incendio que calcinou as termas da Chavasqueira, tamén unha concesión municipal. Este lume si foi intencionado, pero a Policía Nacional di que, polo momento, non hai probas que relacionen ambos sucesos.