CRTVG

Buscar

A policía centra a busca no círculo máis próximo da muller desaparecida en Ourense

Publicado o 14/02/2020 13:12

O dispositivo despregado esta mesma semana pola Policía Nacional derivou nunha busca e investigación centrada nas testemuñas do círculo máis próximo a Nerea Añel, a muller desaparecida. Non desbotan a posibilidade de que a súa marcha fose deliberada, pero tampouco que algo lle puidera acontecer, ou que estivera retida contra a súa vontade.

A nai denunciou os feitos a semana pasada, tras non saber nada dela dende hai preto dun mes. Todas as hipóteses están abertas, pero semella que as investigacións van dando os seus resultados, houbo avances e a policía podería estar máis preto de localizala.

Nerea ten 26 anos e foi vista por última vez no barrio ourensán de Covadonga. Nesa zona, na de Eiroás e na de Santa Teresita foi onde a policía centrou a busca nun primeiro momento, agora estendeuse tamén a outras zonas da cidade.

A imaxe de Nerea circula dende hai días polas redes sociais. A súa familia prefire non facer declaracións aos medios pero pide que a policía siga investigando por se puidera estar retida contra a súa vontade. Os seus amigos tiñan previsto para mañá unha busca nos arredores do barrio de Covadonga: decidiron suspendela para non interferir na investigación policial.

Nerea mide metro sesenta, é de complexión delgada, ten o pelo castaño, os ollos verdes e tatuaxes nos dous brazos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2020

Máis sobre Ourense