CRTVG

Buscar

A policía busca un condutor que fuxiu tras atropelar unha muller en Monforte

Publicado o 16/07/2021 14:17

Unha sexaxenaria cruzaba un paso de peóns co seu can na rúa Ourense, en Monforte, cando a atropelou un coche que a levou no capó uns dez metros. Daquela, o condutor freou para que a vítima do atropelo caese ao chan, manobrou para esquivala e continuou a marcha coma se nada pasase.

"Eu vía que viña un coche moi rápido e supuxen que había frear, pero seguiu ata que lle meteu un golpe. Pensei que a matara! Foi parando e entón freou para sacar o corpo de enriba. Xirou, para non pasarlle por riba, e foi amodo, pero cando unha señora berrou que lle colleran a matrícula, empezou a coller velocidade e marchou". "El viña moi rápido e a muller, que estaba cruzando co can polo paso de peóns, acabou enriba do capó. Entón el deu para atrás, fixo unha manobra, a muller caeu ao chan e el largou", din veciños e testemuñas.

Como resultado do atropelo, o can morreu, mentres que a muller tivo que ser trasladada nunha ambulancia do 061 ao hospital de Monforte. Pola súa parte, uns veciños foron detrás do coche fuxido ata que conseguiron sacarlle unha foto á matrícula.

"Colleron o coche, pero o condutor non o viron. E despois, ao volveren eles, seica marchou". "Deixou o coche e meteuse para a esquerda. E di a policía que, pola matrícula, debe de ser do Saviñao", engaden.

A policía investiga agora os feitos e anda na procura do condutor fuxido.

Noticias web

16/07/2021