CRTVG

Buscar

A policía busca o condutor dun turismo que arremeteu contra un bus urbano en Santiago e fuxiu a pé

Publicado o 27/01/2020 13:57

O radar disuasorio instalado hai menos dunha semana na avenida de Castelao, en Santiago, non foi suficiente para evitar que un turismo arremetera contra un autobús urbano que subía pola vía. Neste mesmo punto, a escasos metros dun paso de peóns, o utilitario chocou de fronte contra o bus e saíu despedido, colidindo contra outros tres vehículos estacionados. Un dos usuarios do transporte urbano quedou ferido leve. Non foi o caso do condutor do turismo, que saíu por unha fiestra e escapou a pé do lugar. Un comportamento que os veciños da zona cren que obedece a que ou non tiña carné ou consumira alcol.

O certo é que cando chegou a policía, a iso das sete da tarde do domingo, non había rastro do condutor. Tras comprobar que o propietario do turismo non era quen pilotaba o coche, a Policía Local conseguiu identificalo e trata de localizalo. Afortunadamente, nesta ocasión non houbo que lamentar danos persoais graves, pero nesta avenida que atravesa o barrio de Vite xa houbo varios atropelos mortais. A velocidade está limitada a 30 quilómetros por hora. O radar é a última medida de precaución adoptada, e previamente instaláronse lombas e pivotes. Pero os veciños cren que non son suficientes.

A falta de rematar a investigación do sucedido, a hipótese máis probable é que o condutor perdese o control do coche por ir demasiado rápido.

Noticias web

27/01/2020