A policía busca máis implicados no crime de Samuel
Na súa última comparecencia, o delegado do Goberno en Galicia informou da posibilidade de que se producisen novas detencións durante a fin de semana, pero, polo momento, non se sabe que houbese máis arrestos. A investigación continúa baixo segredo de sumario, agora xa con máis discreción, logo de sete días frenéticos para os investigadores e para a prensa en que se foron coñecendo os detalles do crime e chegaron as primeiras detencións.
Lembramos que o venres a xuíza enviou a prisión os tres mozos prendidos pola súa presunta participación activa no ataque a Samuel e ordenou o internamento nun centro específico para os dous menores investigados. A moza, parella dun dos encarcerados, quedou en liberdade baixo a obriga de comparecer periodicamente no xulgado.
Nos últimos días, sucedéronse os actos de repulsa en toda España por este crime brutal. Esta tarde, diversos colectivos vencellados ao movemento LGTBI convocaron unha manifestación na Coruña. Piden xustiza para Samuel e o final da violencia. A marcha sairá ás sete e media da tarde desde a praza da Palloza. Rematará cunha concentración na praza de María Pita.