CRTVG

Buscar

A Policía británica cualifica de acto terrorista un ataque con tres mortos rexistrado no sur do país

Publicado o 21/06/2020 15:07

Ocorrreu o sábado ao serán nun parque céntrico da cidade de Reading, a pouco máis dunha hora en coche de Londres.

O parque estaba cheo de xente sentada en grupos cando, segundo as testemuñas, un home, berrando palabras inintelixibles, emprendeu un ataque indiscriminado a coiteladas.

Matou tres persoas e deixou varias feridas, tres en estado crítico. A Policía prendeuno no lugar. Ten 25 anos e varios medios din que é un solicitante de asilo de orixe libia, que podería ter problemas de saúde mental.

Os axentes abriron a investigación inicialmente por asasinato pero veñen de confirmar que foi un acto terrorista.

Xa rexistraron a casa do detido, ao que están interrogando, e pedíronlles aos que teñan vídeos do ataque que non os difundan polas redes, por respecto ás vítimas, pero que llelos faciliten aos investigadores.

Tres horas antes da agresión, a cidade acollera unha manifestación antirracista pacífica. A Policía dá por feito que non hai conexión entre a protesta e o ataque.

Noticias web

21/06/2020