CRTVG

Buscar

A policía brasileira aínda non executou a orde de prisión contra Lula da Silva

Publicado o 07/04/2018 14:44

A policía brasileira segue sen executar a orde de prisión contra o ex-presidente Lula da Silva.
O ex-mandatario continúa na sede do sindicato onde empezou a súa carreira política, tras deixar pasar o prazo que lle deran para entregarse voluntariamente á Xustiza.

Lula leva na sede do sindicato de metalúrxicos de Sao Paulo desde que o xoves se ditou orde prisión contra el. O xuíz déralle ata as dez da noite deste venres a opción de entregarse voluntariamente en Curitiba, a máis de 400 quilómetros, para empezar a cumprir os doce anos que lle impuxo ao considerar probado que obtivo un apartamento a cambio de beneficiar unha construtora con contratos públicos.

A Policía Federal dixo que está preparada para detelo pero que esperaba as condicións para evitar enfrontamentos. A presidenta do Partido dos Traballadores insistiu en que Lula non está incumprindo ningunha orde xudicial, que a entrega voluntaria non era unha obriga senón unha opción e que non está agochado. "Estamos aquí, co mundo mirándonos e vendo esta situación que ameaza a nosa democracia", puntualizaba Gleisi Hoffmann.

Lula aspiraba a ser elixido novamente xefe de Estado nas presidenciais de outubro e figura o primeiro en intención de voto.  "Quéreno meter no cárcere porque lidera as enquisas", dicía o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro. O brasileiro tamén está a recibir apoios desde Bolivia, Cuba ou A Arxentina.

"Condenárono sen probas para que non sexa presidente", subliñaba o ex-ministro de Exteriores arxentino Jorge Taiana. 

Noticias web

07/04/2018