CRTVG

Buscar

A Policía alerta dunha estafa que están a sufrir empresas de Pontevedra

Publicado o 12/02/2021 17:26

A Policía Nacional alerta dun calote que están a sufrir empresas de Pontevedra. Ata o momento hai cinco denuncias e hai máis casos de entidades que chamaron para dar a coñecer esta estafa. Consiste en chamadas telefónicas facéndose pasar por empresas de transporte que entregan material anticovid e piden cartos.

Fanse pasar por directivos dunha empresa de mensaxería e piden cartos polo envío. Desde o inicio da pandemia e aproveitándose de que a poboación está máis afeita a comprar a través de Internet produtos que entregan empresas de mensaxería, aumentaron este tipo de delitos na Rede e por vía telefónica. 

O calote do que alertan é en todos os casos moi semellante. Os estafadores fan unha chamada facéndose pasar por unha coñecida empresa de paquetería, por un envío de máscaras, xeles ou material sanitario. As súas vítimas son empresas, especialmente hoteis.

Para lograr convencer a súa vítima, achéganlle datos concretos, nomes de persoas que din coñecer e todo tipo de detalles.

A Policía alerta destas tentativas de calote que fan a través do teléfono, e piden á poboación que teña especial precaución e desconfíe de chamadas recibidas desde teléfonos estraños e de correos procedentes de direccións descoñecidas.