CRTVG

Buscar

A policía alerta do calote do cambio

Publicado o 03/03/2020 13:24

A boa vontade de comerciantes e hostaleiros pode convertelos en vítimas do último calote que se rexistra nestes negocios. Falamos do calote do cambio. O modus operandi, o estafador entra nun establecemento, toma unha consumición ou merca un artigo de escasa contía. Paga, pero faino cun billete elevado. Logo abandona o establecemento sen recoller as voltas. Cando o comerciante ou hostaleiro sae na súa busca entra en escena o seu cómplice. Así o explica o voceiro da Policía Nacional en Lugo, Manuel Arias:

"O cómplice que está dentro do local aproveita que a caixa rexistradora está aberta, colle os cartos e cometen o roubo. Non se deu ningún caso aquí, pero si noutros sitios, entón a comisaría xeral de seguridade cidadá divulga a alerta".

De momento non se rexistrou denuncia ningunha, pero a circular da policía advertindo do calote xa chegou ata a Asociación Provincial de Hostaleiros e Comerciantes que xa llelo comunicaron aos seus asociados, aos que recomendan non abandonar a barra ou mostrador, sospeiten ou non do cliente. Ante esta situación din, sentido común, quen esqueza as voltas, que volva por elas.

Noticias web

03/03/2020