A Pobra e Boiro, máximos expoñentes dos contaxios na Barbanza
Dous dos sete concellos que entrarán este sábado no nivel máximo de restrición pertencen á comarca da Barbanza. A Pobra do Caramiñal ten 85 casos rexistrados nos últimos 14 días e unha incidencia acumulada de 1.141 casos por cada 100 mil habitantes. Os veciños e visitantes din estar a favor das medidas porque a prioridade é a saúde.
Nivel máximo de restricións tamén para o concello de Boiro, que rexistra 152 casos contabilizados nos últimos 14 días e unha incidencia acumulada de 910 casos por cada 100 mil habitantes. Malia non existir o peche perimetral, ambos concellos terán que adaptarse ás novas esixencias que afectan o sector da hostalería, cunha ocupación do 30 por cento no interior dos locais, aos que só poderán acceder cun dos documentos que acrediten estar libre da COVID. E do 50 por cento da ocupación nas terrazas. Ademais, o ocio nocturno queda totalmente pechado.
Tamén muda a situación no concello de Ribeira, que queda en nivel alto, con 152 casos nos últimos 14 días e a incidencia acumulada situada en 565. Comparte as mesmas medidas que os seus veciños situados en nivel máximo coa excepción da ocupación no interior dos locais, que ascende ata o 50 por cento.
Nos tres concellos quedan prohibidas as reunións de non conviventes na rúa entre a 1 e as 6 da madrugada.