A Pobra do Caramiñal, a un paso da reapertura, tras 19 días de restricións máximas
Na Pobra do Caramiñal agardan que esta tarde o comité clínico alivie as máximas restricións. Despois de 19 días de peche, consolidouse a mellora e a incidencia baixou notablemente.
O tempo parou no bar de María hai case 3 semanas. Sobre a mesa aínda está o xornal que anunciaba o peche da Pobra e da súa hostalería. Hoxe regresou limpalo, porque confía en que esta tarde haberá boas novas.
Rigoberto, o barbeiro, tamén notou o baixón. Agora prepara as coitelas coa ilusión de volver cortarlles o pelo aos clientes que deixaron de vir ata aquí polo peche.
Clientes que tamén botan moito en falta no mercado municipal, con postos baleiros e sen restaurantes aos que vender o peixe.
A aparición das cepas británica e surafricana na Pobra fixo que os expertos non aliviaran restricións a pasada semana. Pero a evolución foi boa e a apertura semella inminente.
Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal: "Agardamos unha baixada, polo menos, ata o nivel de restrición alta. Temos unha incidencia a 14 días de 214 casos que nos situaría en nivel medio. Xa non agardamos baixar dous niveis, pero si un, ata o nivel alto".
No que si están de acordo é en que o esforzo deu os seus froitos e agora toca non baixar a garda ata que A Pobra volva ser un concello libre de covid.