A poboación menor de 30 poderá pedir a autocita para vacinarse a partir do luns
A Consellería de Sanidade activará o vindeiro luns, día 5 de xullo, a autocita de vacinación para menores de 30 anos que xustifiquen algunha circunstancia especial. Este mesmo sistema utilizarase na "repesca" de persoas de máis de 39 anos que, por diferentes razóns, aínda estean sen inmunizar.
Na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo salientou que se procura "axustar" este sistema á programación dos soros conforme á idade. Segundo dixo, de se cumpriren as previsións, a vindeira semana completarase a inmunización "de case 100.000 maiores de 40 anos con dobre dose" e administraranse máis de 60.000 primeiras unidades a persoas de 39, 38 e 37 anos.
Sobre a situación epidemiolóxica, asegurou que segue a ser boa pero preocupa o aumento de contaxios entre a poboación máis nova. Neste sentido, lembrou que a metade das persoas contaxiadas nos últimos días ten menos de 30 anos, polo que fixo un chamamento á responsabilidade no ocio.
Feijóo insistiu en que os botellóns son ilegais e considerou necesaria unha actuación policial "máis rápida". Para tentar "facer algunha actividade preventiva", anunciou unha xuntana para este venres, 2 de xullo, do vicepresidente primeiro e do conselleiro de Sanidade coas forzas e corpos de seguridade do Estado e municipais.