CRTVG

Buscar

A planta de Ferroatlántica en Sabón queda fóra da oferta de compra

Publicado o 04/06/2019 14:48

"Con preocupación, con sorpresa e, sobre todo, con cautela". Así acolleron en Sabón a noticia da venda das plantas irmás de Ferroatlántica en Dumbría e Cee. A de Arteixo queda no grupo de Villar Mir nunha situación delicada. Dende comezos de ano ten dous dos seus tres fornos apagados e un expediente de regulación de emprego temporal pendente de executarse, un contexto derivado do alto prezo da electricidade, que consome case o 40% dos custos de produción da fábrica.

Francisco Blanco, voceiro do comité de empresa de Ferroatlántica en Sabón, cre que a compañía esperará á próxima poxa de interrompibilidade que se celebra a partir do 17 deste mes en Madrid.

"A partir de aí, dependendo dos bloques que consiga a empresa e o prezo, poderiamos falar de se se pon en marcha ou non o ERTE", declarou á TVG.

Esta tarde agardan que a dirección lles dea máis detalles da operación e dos plans de futuro para os 122 traballadores que ten Ferroatlántica en Arteixo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/06/2019