CRTVG

Buscar

A pirotecnia La Gallega xa está precintada, como ordenaba a sentenza do 2014

Publicado o 10/09/2018 14:05

A pirotecnica La Gallega xa está precintada. O Concello de Tui deu cumprimento esta mañá á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do ano 2014 que ordenaba o cesamento desta actividade por ilegalidades urbanísticas. O avogado da empresa, que pertence ao detido pola explosión de Paramos, tamén en Tui, confía en que poidan recuperar a licenza antes da derruba das instalacións.

A clausura da pirotecnia La Gallega, na parroquia tudense de Baldráns, xa fora ordenada polo alto tribunal galego nunha sentenza de 2014. Segundo o rexedor, que acompañou a Policía Local, a Garda Civil e mais o secretario e unha técnica municipais, o procedemento demorouse en espera duns informes. A denuncia dun veciño iniciou o proceso que chega agora a un capítulo decisivo.

O avogado do empresario, en prisión provisional pola explosión dun almacén ilegal de pirotecnia na parroquia lindeira de Paramos, confía en que os trámites para legalizar todas as instalacións finalicen antes de que se aprobe o proxeto definitivo de demolición.

Tamén nesta xornada, o alcalde de Tui rexistrou na Subdelegación do Goberno o proxeto de derruba da zona cero da explosión para que o goberno central se faga cargo dos traballos. No suceso faleceron dúas persoas, 37 resultaron feridas, unha trintena de casas quedou destruída e outras 400 presentan danos de diversa consideración.

Noticias web

10/09/2018