A piques de completarse a pauta de vacinación dos maiores de 60 anos
• Case un 30 % dos convocados de 30 a 39 anos non se vacinan
Vacinación tamén coa segunda dose de AstraZeneca na área sanitaria de Santiago aos maiores de 60 anos, aos que o Sergas lles adiantou unhas semanas a cita.
Segundo os sanitarios, adiantan a vacinación das persoas deste grupo de idade para que reciban a pauta completa e queden xa inmunizadas ante o avance da variante delta e a quinta vaga. Nesta xornada de domingo están citadas unhas 8.100 persoas no Gaiás. No hospital da Barbanza son máis de 1.600 os convocados.
Acabarán de vacinar os maiores de 60 anos entre este domingo e o luns, para continuar despois con poboación máis nova. Os sanitarios fan un chamamento aos maiores de 30 anos para que acudan a vacinarse cando sexan convocados. Din que están a facer un grande esforzo profesional e dedicando moitos recursos humanos e materiais para rematar coa pandemia.
E un dato significativo: en Santiago a semana pasada deixaron de acudir preto dun 30 % dos convocados do grupo de idade de 30 a 39 anos.