CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

A pintora carballesa Antonia Villaverde, de 97 anos, recibe unha homenaxe pola súa carreira

Publicado o 16/01/2018 21:40

Despois de toda unha vida dedicada á pintura, a artista carballesa Antonia Villaverde, de 97 anos, recibiu a homenaxe do mundo da arte coruñés. Dúas exposicións inauguradas hoxe recompilan a carreira desta pintora case centenaria.

Un cento de cadros e máis de 70 anos dedicados á pintura resumen a carreira da carballesa Antonia Villaverde. Comezou a pintar de nena e foi unha monxa do seu colexio de Carballo quen a animou a dedicarse á pintura.

"Antoñita ti debes seguir coa pintura. A pintura dáseche moi ben... E ó darme de conta que era un pouco mellor que as demáis, pois xa me decidin porque sempre me gustou pintar nas beirrúas e iso", di Antonia Villaverde.

Antonia perfeccionou a súa técnica na escola de Artes e Oficios da Coruña e na escola da tamén pintora María Corredoira. Centrou o seu traballo na pintura e no ensino. Agora, aos seus 97 anos Antonia Villarverde recibe a homenaxe do mundo da arte coruñés , con dúas exposicións que recompilan a súa obra.

"É unha pintura impresionista, ten algo de surrealismo porque pintou varios cadros da Atlántida, que é unha cousa insólita. É unha muller inqueda que no seu día debeu ser bastante curiosa. Agora xa está na súa decrepitude pero segue a ter a cabeza fenomenal", afirma Miguel Zelada.

Aos seus case 100 anos Antonia confesa que segue a pintar dúas ou tres horas diarias.

"Eu pinto sempre.Agora hai dous días que pinto pouco, pero xeralmente pinto, non moitas horas...", di Antonia Villaverde.

Antonia afirmou que está moi recoñecida con esta homenaxe dos seus compañeiros e alumnos co que,dixo, non contaba.

Telexornal Serán

16/01/2018