CRTVG

Buscar

A pescada do pincho de Celeiro conta xa coa ecocertificación de calidade Friend of the Sea

Publicado o 07/05/2018 14:50

Celeiro é o porto español con máis descargas de pescada fresca. E non só iso. Todos os seus palangreiros teñen xa a certificación de calidade Friends of the Sea de pesca sostible.

A partir de hoxe todas as pescadas do pincho de Celeiro chegarán ao consumidor cunha etiqueta en que se rexistra a data de descarga, unha garantía máis sobre a frescura do produto. A posta de longo oficial foi esta mañá, coa presenza do propio director de 'Friends of de Sea' acompañado pola conselleira de Pesca.

Pescada de Celeiro. Un produto de prestixio polo que o consumidor está disposto a pagar un prezo superior, coñecedor da súa extraordinaria calidade. Unha excelencia que agora avala a ONG Friend of the Sea que outorga o seu selo de calidade a toda a frota celeirense que se dedica á pesca con anzol nos caladoiros do Gran Sol.

Celeiro é un exemplo de pesca sustentable. A súa especialización en artes selectivas proporciona un nivel baixo de descartes. Permite tamén unha redución do consumo de combustible e polo tanto reducir as emisións de CO2.  Este compromiso ambiental tamén inclúe a prevención de capturas accidentais de aves co emprego de 'tori lines' e unha axeitada xestión dos residuos plásticos en mar aberto.Todas as pescadas que saian desta lonxa levarán dende agora unha etiqueta co rexistro da data de descarga, unha garantía máis da súa frescura. 

Por estas razóns e tamén por saber transformar unha arte de pesca tradicional e sostible nunha actividade próspera e de futuro, o Porto de Celeiro xa foi distinguido co premio Alimentos de España 2017.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/05/2018