CRTVG

Buscar

A pesca con morte podería chegar a prohibirse ante a escaseza de troitas

Publicado o 23/01/2019 14:23

Este cartel de pesca sen morte podería chegar a ser innecesario. Medio Ambiente pensa na posibilidade de estender a esixencia de devolver as pezas ao río a todos os tramos fóra dos coutos. O anuncio desta medida, que aínda está en estudo, está a ser recibida con bos ollos por parte dos colectivos de pescadores debido á escaseza de troitas.

Marcos Vázquez, secretario da Asociación de pescadores Troiteiros de Vilalba: "A pesca sen morte é unha ferramenta moi útil para cando a poboación está realmente mal. De feito, en León esta política xa se leva aplicando dende hai uns anos e as poboacións melloraron moitísimo. É máis, a xente que compite oficialmente aquí en Galicia desprázase a León para adestrar. É o caso do campión do mundo, que adestra normalmente alí porque aquí non hai recursos para podelo facer."
"Paréceme moi ben porque habería máis pesca a longo prazo. Para min sería estupendo."

Con todo, os pescadores din que para potenciar a poboación de troitas non chega con restrinxir a súa pesca con morte aos coutos. Sinalan que se deben tomar outras medidas dirixidas a preservar o seu ecosistema, comezando por erradicar todas as verteduras contaminantes que hai nos ríos galegos.

Marcos Vázquez, secretario da Asociación de pescadores Troiteiros de Vilalba:  "A pesca sen morte pode ser unha ferramenta moi útil. Aquí en Vilalba, debeu de haber os primeiros tramos que se puxeron na provincia e grazas a iso quedan troitas no couto. Senón non habería. Pero hai moitos outros condicionantes que supoñen a consecuencia do problema. Son a contaminación, os xurrros, os pesticidas, os herbicidas, as depuradoras que non funcionan ben... Ese é o trasfondo do problema."

Actualmente, hai en toda Galicia máis de 400 quilómetros de tramos de pesca sen morte.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2019