CRTVG

Buscar

A Ópera dos Ánxeles investigará as acusacións contra Plácido Domingo

Publicado o 14/08/2019 10:50

As acusacións de acoso sexual que caeron contra Plácido Domingo están a provocar xa un terremoto na súa carreira. Hai festivais que cancelaron a actuación do tenor, outros que van investigar antes de decidir e outros que o manteñen no cartel, polo menos de momento.

A Ópera dos Ánxeles, da que Plácido Domingo é director xeral dende 2003, encargará unha investigación externa antes de tomar calquera decisión. Si decidiron xa a Orquestra de Filadelfia e a Ópera de San Francisco, que cancelaron inmediatamente a súa actuación. Mais en Austria o Festival de Salzburgo amosou apoio ao tenor e, polo menos de momento, manteno na actuación deste 25 de agosto.

Son os primeiros movementos do terremoto que comezou no calendario, na carreira, na vida de Plácido Domingo despois das acusacións de acoso sexual que partiron de nove mulleres, oito cantantes e unha bailarina, das que só a mezzosoprano Patricia Wulf quixo saír do anonimato.

"As acusacións destas mulleres anónimas" son preocupantes e inexactas e sobre feitos de hai trinta anos, defendeuse Plácido Domingo nun comunicado.

As acusacións falan de comportamentos inapropiados, repentinos tocamentos nos corredores e camerinos e petición, mesmo esixencia de favores sexuais. Din que a cambio ofrecía axudalas nas súas carreiras ou que directamente ameazaba con afundirlles a carreira.

"Sempre pensei que todas as miñas relacións foran consentidas e consensuadas", continúa Domingo na súa primeira defensa. No comunicado tamén alega que daquela, nos anos oitenta, "as regras e os estándares" eran moi distintos.

Sexa como for, hoxe o tenor madrileño, aos seus 78 anos, casado dende hai 57, ve como a súa carreira de máis de 4.000 actuacións pode quedar desprestixiada, senón afundida.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2019