CRTVG

Buscar

A pelexa entre menores ás portas dun colexio de Lugo está xa en mans da Fiscalía

Publicado o 03/12/2020 13:43

Foi ás portas deste colexio de Lugo onde tivo lugar a liorta entre dous nenos. Ao parecer, o incidente orixinouse por insultos con matices racistas, pero agora as versións de cada un deles son diferentes. Un dos rapaces, de orixe alxeriana, di que foi increpado por outro que lle chamaba continuamente mouro e cando se encarou con el apareceu o pai deste, que presuntamente o empurrou e o tirou ao chan.

Pola súa banda, o suposto emisor do insulto conta outra versión. Este outro mozo de orixe venezolana di que o outro adolescente xunto con outros amigos se meteran cun compañeiro e que el saíu defendelo. Di que nese momento se produciu un forcexo e que foi entón cando o seu pai acudiu para separalos.

Agora uns e outros denunciáronse mutuamente ante a Policía Nacional. "Dúas denuncias cruzadas dos pais de ambos os dous rapaces onde, ao parecer, un insultou a outro e despois non se sabe moi ben porque as versións son contraditorias. O que si houbo foi unha pequena liorta e hai partes de lesións leves", sinala Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo.

Agora o caso xa está en mans da Fiscalía de Menores e investígase se hai testemuñas que axuden a esclarecer os feitos. Mentres, dende o colexio ás portas do cal tivo lugar a liorta rexeitan facer ningún tipo de declaración.

Noticias web

03/12/2020