CRTVG

Buscar

A patronal galega sae en defensa de Ortega e enxalza o seu "labor exemplar"

Publicado o 22/05/2019 21:06
A patronal galega sae en defensa de Ortega e enxalza o seu "labor exemplar"

A Confederación de Empresarios de Galicia reprobou este mércores as declaracións dalgúns dirixentes políticos contra as doazóns realizadas pola Fundación Amancio Ortega para a renovación do equipamento tecnolóxico de hospitais públicos e enxalzou o "labor exemplar" do empresario.

A patronal galega saíu en defensa do accionista maioritario de Inditex e, nun comunicado, remarca que "a doazón é un dereito recollido expresamente na lexislación española, polo que as desafortunadas declaracións supoñen un ataque intolerable á liberdade das empresas para reverter os seus beneficios, ou parte dos mesmos, en doazóns que beneficien ao conxunto dos cidadáns, máxime cando se trata dun dos alicerces básicos do Estado de benestar como é a sanidade pública".

Ademais, remarcan que a Organización de Nacións Unidas (ONU), a través da Axenda 2030, situou por primeira vez ao sector privado como axente do desenvolvemento sustentable en tanto que "as achegas das empresas deben estar ao mesmo nivel que as realizadas polos estados e pola sociedade civil". "A Fundación Amancio Ortega é un referente claro neste sentido", subliñan.

A Confederación de Empresarios de Galicia recoñece o labor exemplar do accionista maioritario de Inditex e agradece o traballo da fundación que leva o seu nome, "que centra o seu ámbito de actuación na mellora da educación e da asistencia social".

Tamén a Confederación de Empresarios da Coruña lamentou a "campaña contra as doazóns realizadas polo grupo Inditex" e descartou a tese de que a "sanidade pública debe financiarse exclusivamente con impostos". "É inadmisible que se vertan acusacións non demostradas contra o bo nome dunha empresa que achegou o pasado exercicio ás arcas públicas 1.070 millóns de euros en concepto de imposto sobre beneficios", engade.

Así mesmo, enxalzou o "labor filantrópica da Fundación Amancio Ortega, que está a servir para modernizar os hospitais de todas as comunidades.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019