O ocio nocturno pecha para a maioría dos galegos
"Pois se non se pode saír, non se poderá saír, haberá que quedar na casa e agardar a cando se poida". "Solucionámolo na casa de amigos tomando algo, porque o da saída agora está un pouco difícil, a verdade". "Intentaremos que cos máis coñecidos, coa familia, estar nunha casa, tranquilos, intentar saír o menos posible, xa que, se non se pode, polo menos previr", opina algunha xente pola rúa.
Só levaban un mes abertos e a covid volve dar ao traste cos locais do ocio nocturno. Os empresarios de Santiago tiveron hoxe unha reunión de urxencia. Están indignados cunha medida que consideran contraprudecente.
"Canto máis se restrinxe o ocio controlado e regulamentado, máis se producen festas nocturnas e diúrnas en casas privadas, e cando a xente se agocha incúmprese máis que cando a xente pode actuar de forma normal", explica Lucía Vázquez, presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela
Na mente dos empresarios está que facer agora cos seus empregados. "Eu estou pensando darlles vacacións por non volver a metelos no ERTE, pero se isto se alonga haberá que metelos no ERTE outra vez", lamenta Menchu Piñeiro, hostaleira.
Os que teñen, poderán abrir as terrazas, pero para eles non é unha solución. "No meu caso, por exemplo, non teño terraza. Hai moitos compañeiros que tampouco e hai outros que a terraza é tan pequena que non lles dá para manter o negocio", apunta Menchu.
"O que estamos valorando son as propias medidas e incluso non descartamos retomar as mobilizacións ou algún tipo de protesta", indica Sergio Fernández, vicepresidente da Federación Galega de Hostalería.