CRTVG

Buscar

A partir do 11 de maio cambian os límites de velocidade nas cidades

Publicado o 27/04/2021 15:28

A partir do 11 de maio cambian os límites de velocidade que rexen agora mesmo para circular polas cidades e travesías de toda España. 50 quilómetros por hora será a velocidade máxima permitida nas vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación.

Naquelas rúas que teñen un único carril por sentido de circulación establécese un límite xenérico de 30 quilómetros por hora. E para as chamadas zonas de plataforma única, as rúas onde conviven calzada e beirarrúa, non se poderá circular a máis de 20 quilómetros por hora.

María Victoria Gómez Dobarro, xefa provincial de Tráfico da Coruña, explica que "a reforma ten a súa razón de ser na demanda que se lle estaba facendo á Dirección Xeral de Tráfico por parte de moitos concellos de España e entre eles moitos de Galicia tamén, por sumarse a estas medidas de nova mobilidade, de calmado de tráfico, nesta nova esfera do cambio das cidades que se está experimentando en España e en todo o mundo dende o século XXI e propiciado tamén polas Nacións Unidas e a Unión Europea." 

Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, no ano 2019 en Galicia entre as vítimas mortais de accidentes en cidades, máis do 60 % eran persoas que foron atropeladas. Pontevedra foi pioneira en seguridade viaria e impuxo o límite de 30 quilómetros por hora no ano 2010. A día de hoxe a cidade leva máis de once anos sen vítimas mortais por tráfico.

Noticias web

27/04/2021