CRTVG

Buscar

A partir de hoxe permítense tres visitas á semana nas residencias de maiores

Publicado o 17/02/2021 15:05

Na residencia Campolongo viven 88 persoas maiores. Esther é unha delas. Para ela é unha alegría saber que a súa filla vai poder visitala tres días á semana.

"Cantas máis veces mellor", asegura Esther, que conta como hai uns días a súa filla foi visitala e lle confesou que tiña gana de vela mirándoa "a través do cristal".

Pero esta alegría non pode ser compartida por todos. Moitos maiores teñen a familia vivindo noutros concellos e, polo tanto, non poden visitalos porque saltarían os peches perimetrais.

"Para nós seguen sendo cero visitas porque as visitas son para os de Pontevedra", explica Mercedes. Ela é de Vigo e non a poden visitar.

Concepción leva oito meses sen estar coa súa filla e sen ver os netos.

"É durísimo", confesa Concepción, "levan oito meses, xa crecen e non os vou coñecer".

Son situacións moi duras. Por iso a dirección do centro está avaliando unha vía que permita que estas familias poidan ver os seus maiores

Maite Caneda Triñanes, directora da residencia de maiores Campolongo de Pontevedra, explica que "a solución sería facer un certificado de ingreso dos nosos residentes para que aqueles familiares que sexan de concellos que están pechados perimetralmente poidan acceder por atención a unha persoa maior, porque psicoloxicamente vai ser como unha cura, case. Necesitan tanto as familias como os usuarios xa volver retomar un mínimo contacto".

O contacto de familias e persoas achegadas é moi necesario para superar o illamento ao que obriga a pandemia.

Noticias web

17/02/2021