CRTVG

Buscar

A participación ás 18 horas en Galicia sobe un punto nas municipais e dispárase 16 nas europeas

Publicado o 26/05/2019 19:24

• Ascendeu ao 52,14% nas locais, cando hai catro anos se situaba no 50,97%

• No conxunto de España é do 50%, moi semellante ao 2015

A participación ás 18 horas en Galicia sobe un punto nas municipais e dispárase 16 nas europeas

A participación nas eleccións municipais deste domingo, no segundo avance ofrecido ás 18:00 horas co 98% de mesas transmitidas, ascendeu en Galicia ao 52,14%, un punto máis que no ano 2015, cando se situaba no 50,97%, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio do Interior. Con todo, o maior incremento rexistrouse, do mesmo xeito que no conxunto do Estado, nas eleccións europeas, en comparación coas últimas que se celebraron no ano 2014. Así, co 94,97% dos datos das mesas, en Galicia a participación nos comicios europeos ascendeu ao 50,09%, ata 16 puntos por enriba de 2014, cando se rexistrou á mesma hora un 33,78%. Os datos son similares aos que se están producindo no conxunto de España, onde a participación nas municipais ascendeu ao 50,02 (49,79% en 2015) e nas europeas ao 49,39% (34,07% en 2014).

Nas catro provincias galegas, o incremento de participación, se se compara con hai catro anos, manifesta a mesma dinámica que no conxunto de Galicia, ao redor dun punto máis: un 51,01% na Coruña (49,54 en 2015); un 54,12% en Lugo (54,48 en 2015); un 54,69% en Ourense (53,89 nas últimas municipais) e un 51,92% en Pontevedra (fronte ao 50,36 anterior). Malia o aumento de votación nas municipais deste 26 de maio en comparación coas de hai catro anos, non se están repetindo os datos das eleccións xerais de hai case un mes. O 28 de abril, neste segundo avance das seis da tarde, en Galicia votara o 58,93 dos censados, seis puntos máis que nestas municipais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/05/2019