CRTVG

Buscar

A parella asasinada en Sri Lanka velada e despedida xunta por desexo da familia

Publicado o 27/04/2019 21:20
A parella asasinada en Sri Lanka velada e despedida xunta por desexo da familia

Os restos mortais de María González Vicente, de 32 anos, e de Alberto Chaves Gómez de 31 repousan nunha mesma sepultura no cemiterio de San Xulián en Pontecesures. A parella foi enterrada xunta por desexo das dúas familias. Antes de seren conducidos ata o camposanto, a só uns metros, na igrexa de San Xulián, abarrotada, o arcebispo de Compostela, Xulián Barrio, oficiou o funeral.

Familia, amigos e veciños fixeron que a igrexa e a praza quedasen pequenos. O proceso de repatriación foi máis rápido do prognosticado e onte, seis días despois de seren asasinados, chegaban ao tanatorio de Iria Flavia. María traballaba en Padrón nunha empresa familiar de equipamentos profesionais.

Alberto era natural da aldea de Rial, en Rianxo. Traballaba nunha empresa de procesamento de produtos conxelados na India. A súa moza viaxou ata Asia para pasar uns días con el. Atopáronse catro días antes de morrer en Sri Lanka.

Os dous estaban almorzando nun hotel de luxo, o Kingsbury, na cidade de Colombo cando un terrorista suicida se inmolou na ringleira do bufet. Foi o domingo pasado, o da Resurrección cristiá. Tres hoteis de luxo e varias igrexas foron atacadas polo ISIS. Morreron 253 persoas, entre elas, os dous galegos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/04/2019